Tuesday 07 de May de 2024

O Concello de Brión convoca dous cursos formativos de manipulador de alimentos e de monitor de comedor e transporte escolar


O Concello de Brión vén de dar a coñecer a súa oferta formativa para este verán, entre a que se inclúen dous cursos: manipulador de alimentos e monitor de comedor e transporte escolar. En ambos casos, o prazo de inscrición estará aberto na Casa da Cultura (981 50 99 08 ou voluntariado@briondixital.org) ata unha semana antes do inicio do curso.

O curso para a obtención do carné de manipulador de alimentos terá lugar o martes 27 de xuñoo, de 16:00 a 19:00 horas, na Aula CeMIT de Brión. Este carné faculta ao seu posuidor para obter traballo en empresas relacionadas coa manipulación de alimentos no sector hostaleiro (camareiros, panadeiros, dependentes de ultramarinos…), no sector alimentario, en comedores escolares…

A novidade deste ano é a convocatoria do curso de monitor/a de comedor e transporte escolar, que terá lugar do 3 ao 14 de xullo en horario de 16:30 a 19:30 horas. Corenta horas nas que o alumnado adquirirá recursos, coñecementos e habilidades de cara á busca de emprego como monitor/a de transporte e/ou comedor escolar. Entre outras cousas, o alumnado aprenderá cuestións como xogos e dinámicas, alimentación e nutrición, pedagoxía de ocio e tempo libre ou primeiros auxilios.

En ambos casos, o prezo é de 25 euros e será preciso reunir un grupo mínimo de 10 persoas para a súa celebración. A admisión realizarase por orde de inscrición, tendo preferencia as persoas empadroadas en Brión.